En memoria de Salvador Allende

Outra vez indo e vindo. Galiza ainda coa distancia das redes transeuropeas que non chegan nunca a xeito e fan dos aeroportos longos refuxios da pacencia. Cheguei de América o domingo, desfixen maleta e fixen outra para retornar o luns a Bruxelas, cunha pasaxeira máis, que muda de escola e que cada vez asemellase máis a mademoisselle Mafalda, incluido o pelo.
Disque a pel muda ao rematar o verán. Despois dunha etapa vital tamén. Despedida de xentes, como do amigo Elixio e de lugares, pero sobre todo dunha despedida enorme das de difícil antídoto. Tamén as despedidas dos sitios. Dez anos en cada lugar, como decia Kipling. Hoxe mesmo cúmplense dez anos dende a chegada a Bélxica, que era por un ano e acabaron sendo dez. Non sei se se trata dun síntoma de personalidade senon dun imán irreparable que se move cara as mudanzas. O outro dia dixome alguén que daba a impresion que me levaba o vento, como a protagonista da pelicula Chocolat. Pois o vento sopra de novo, igual cara outro continente. Ou simplemente para mudar a pel co pensamento.
Este verán tiven a ocasión de poder falar con Luis Sepúlveda, o escritor chileno. El decia que se sinte un trotamundos, o que significa que súa vida non fora mellor nen peor que a do resto, senon, simplemente, máis
incómoda. Pareceume ben apreciado, se un ve moitas realidades pero ten pel para ver o sofrimento alleo, os ollos van adquirindo dobreces alegres e tristes, pero nunca inmutables. Aproveitei aquela conversa para agasallalo co maravilloso libro de artigos do admirado Eduardo Blanco Amor Chile a la vista. Emocionouse. Aprezo máis seus artigos políticos e seu cine, que as novelas, máis algunhas si e se tivera que escoller, escolleria Patagonia Express, un libro de apuntes de viaxe que fala dos diferentes episodios de vida, encarcelamento, tortura, exilio, encontros, viaxes, paisaxes, fronteiras... E sinxelo e lembroume a alguén moi bo no humano e no profesional e que tamén escribe en Moleskine.
Hoxe é o dia doutro chileno, Salvador Allende.
Pola vixencia das súas ideas, pega a pena mudar a pel.