12 setembro 2006

Blues da nube

O amor non entende de xeopolítica. Democrático ou dictatorial cando lle peta, pasa fronteiras, valados e prohibicións, rompe estructuras, engrandece ou anula, pode sobrevivir incluso nun teclado. Unanimidade internacional dos poetas para o seu recoñecimento.

Kavafis avisa, advirte dos seus perigos e placeres aos mozos. Outras veces, non se advirte, ven en forma de Schwängen, debilidade. Tamén Sen condicións, como fala del elegantemente Antón Lopo. Bukowski racha os tópicos amorosos. Agachado no peito de Alfonsina Storni, dia a dia, ano, sen decir seu nome, lonxe da curiosidade, da indiferencia e da maldade. E Gabriela Mistral avisa en Ausencias, do desamor. Amor emigrante non retornado, vivir para ver, poder dun querer!, di Rosalia de Castro. Desprazado, adoptado, maltratado, ensalzado. Nicolás Guillén, Un Poema de Amor, sen máis, defineo como a sustancia coñecida coa que amasamos unha estrela. Exiliado definitivo como o poema da uruguaia de orixe galego, Idea Vilariño Ya No.

Esquencemento forzado ou voluntario. Yehuda Amichai, Forgetting someone is like forgetting to turn off the light in the backyard so it stays lit all the next day But then it is the light that makes you remember.

Hai moito tempo, regaláronme un libro que gardo como un tesouro, Poemas de amor de Bertolt Brecht. A nube do Recuerdo de Marie A., inesquencible. Venme á memoria a escea de Romeo e Xulieta. “O love! O life! Not life but love in death”. Esa nube non se borra. Confirmouno Yeats, no seu poema When you are old.

04 setembro 2006

Bruxelas, Rue Dublin 17

Meu nome é Claraflor. Vivo na Rue de Dublín 17, no barrio máis cosmopolita e popular de Bruxelas, neste epicentro do Matongé, o chamado quartier africano, con nome do barrio de mercaderes de Kinshasa, cheo de cantantes pretos como Adolphe Domínguez, perruquerias e teares, froitas exóticas e tamén un teatro, o Molière onde ensaian as cantareiras de Ialma, onde mora meu veciño Xavier Queipo e onde viviu Marx. Ixelles, lugar tradicional de exiliados e inmigrantes, recuncho agochado da ollada das leis.

Meu veciño Nicholas, querendo facerlle unha homenaxe a unha antiga residente deste inmoble, colocou unha foto dela na entrada da porta. Seu nome, Alexandra David-Néel, quen residiu na Rue Dublin 17 entre os 6 e 17 anos de idade. Por curiosidade, e atraida pola foto no Tibet, procuro máis información dela. E entro nun mundo de sorpresas, por saber máis desta muller dinámica, polifacética e atípica para a época que debeu de rachar moldes, de sorprender a súa sociedade e invadir concencias. Orientalista, cantante de ópera, xornalista, exploradora, famosa pola sua visita a Lhasa en 1924, anarquista, espiritualista, budista e escritora de máis de 30 libros sobre relixións orientales, filosofía e viaxes. Sorpréndeme un dos libros, publicado en 1898, de título “Pour la vie”.


Cada mañá, cando marcho para o traballo ollo para ela, queira ou non, pois a foto invade todo o corredor de saida, mentras miña filla pregunta: nai, quen é esa muller que está no monte?. Alexandra, nosa veciña, digo rindo. E saimos, as duas, rúa abaixo, atravesando o Matongé que ainda durme, pois os hábitos tamén foron exportados, porque as culturas, igual que a nosa tamén son exportables e este barrio vive en especial na noite cos seus códigos e personaxes traspostos do antigo Congo. Só deixar testemuña desta casualidade que me permitiu saber algo máis dunha muller extraordinaria.

Os vagalumes da galeguidade

A Galiza Global é unha realidade. Máis só pensamentos e estratexias ailladas tiñan concencia deste feito. E obvio que perdemos moito tempo nos últimos anos. Tempo perdido para actuar, para a relación humana, cultural, social, política e económica entre a Galiza sita no territorio administrativo e a Galiza Exterior. A suma é a Galiza Global. E agora, neste momento da nosa historia, precísase unha toma de concencia cara o exterior, cara a nosa xente do exterior, co fin de crear unha estratexia conxunta de relacións coa emigración e con paises e culturas moi importante, nun mundo onde cada vez as identidades se ven máis difuminadas, e onde a identidade resistencia, como afirma o sociólogo catalán Manuel Castells, tórnase en identidade proxecto. A Galiza Global é unha identidade proxecto que lanzamos neste foro, para a toma de concencia de que a nosa nación galega e europea, tamén é nación universal, pola sua historia e pola sua xente.A diáspora como unidade de análise no campo das relacións internacionais foi ignorada durante anos, mais as tendencias migratorias e a importancia que a diáspora está tendo na historia de moitos povos e culturas, levou a que o conceito de migración se fora incorporando no campo politico, debido ao progresivo efecto que a globalización está a provocar na existencia da diasporización. A diáspora foi e é un fenómeno de internacionalización evidente da realidade galega, tanto polos exiliados como polos migrantes económicos e continúa a selo polas vagas migratorias da realidade dunha boa parte da nosa mocidade e polo tanto ten que ser unha base forte do noso futuro como pais.Coas excepcións que universalizaron politicamente a Galiza no contexto internacional coa constitución do goberno no exilio, o Consello de Galiza en Montevideo, a presenza de Galiza na Sociedade de Nacións, ou a celebración do 1º Congreso da Emigración Galega en Bos Aires o 25 de xullo de 1956, vai facer 50 anos, os anos do franquismo pecharon as relacións internacionais de Galiza, só subsistentes pola vontade dos exiliados e pola diáspora galega no mundo. Os anos do fraguismo non posibilitaron unha política seria de relacións internacionais que propiciara o nexo de relación entre institucións e gobernos de paises extranxeiros ou a necesaria relación entre diáspora e política exterior, máis que a través de accións ailladas case sempre teóricas e non dun programa serio e práctico a nivel institucional de relación directa con Estados soberanos e con pobos e nacións. A separación en compartimentos estancos segundo entre emigración e acción exterior, unida á política europea, que non deixa de ser xa parte do ordenamento xurídico interno, foi un erro na concepción cara o futuro, porque política internacional e relacións coa diáspora deben ir unidas, porque no caso de Galiza, están tan intimamente ligadas, e poder ter unha utilidade e unha proxección tan significativa, se se sabe realizar unha estratexia seria, que pode ser comparable á de calquer outro pobo dos que observamos que teñen lobbys poderosos no mundo.Por eso, neste momento histórico, temos que partir primeiro do elemento humano, para pasar ao elemento colectivo. Primeiro paso, devolverlle a dignidade á emigración, enchela de instrumentos que a dignifiquen, aproveiten as potencialidades e non sexa demonizada en relación co voto. Hai algo máis que o voto. Ninguén de nós gosta de que ninguén emigre, nen debemos idealizar a emigración, é evidente, o desarraigo, a desesperación, o desacougo e a perda de relación directa, entre outras consecuencias. Máis a realidade galega é poliédrica, non remata no territorio da Galiza territorial, senon que se extende por terras europeas, sobrepasa as fronteiras da Unión Europea nos territorios helvéticos, cruza as beiras do Atlántico de norde a sul, e navega cos seus homes e mulleres por aeroportos e buques. Vagalumes de galeguidade, a xente galega no mundo son vagalumes de galeguidade, uns conscientes, outros inconscientes, pero todos con profundas raices, as "raices elásticas" das que falaba Castelao.Se queremos ser unha nación moderna, se queremos falar de igualdade, xa non podemos seguir ofrecendo unha política paternalista, asistencialista, senon que ademais dun trato especial no social e sanitario coas persoas galegas carenciadas, que non debe de obviar a solidariedade, debe pasarse do paternalismo do fraguismo e a política cultural sentimentalista e non realista, ao MATERNALISMO DA GALEGUIDADE. Explícome. A palabra Galiza é femenina. A cultura é femenina, a economía é femenina, a diplomacia é femenina, a axuda e a solidariedade son femeninas. Tamén a política. Todas son verbas de xénero femenino e de todas podemos partir nunha visión conxunta e femenina no sentido da igualdade, que tamén é unha palabra femenina.Lanzar a idea dunha concepción propria de relacións internacionais que debe ter un goberno moderno baseada no peso da diáspora que temos. Por iso é un reto fundamental a confluencia dunha política para a diáspora unida coas futura política de relacións internacionais de Galiza, que ten que ser un eixo fundamental do goberno e da sociedade civil galega.Foron características da política de relacións coa emigración do Goberno da Xunta de Fraga a disgregación, a falla de coordinación e de relación coa diáspora e entre a os distintos focos de concentración de diáspora, a manipulación, o desaproveitamento do factor humano, cultural e económico, a negación de direitos civiles e políticos dos residentes no exterior (non gosto do termo ausentes), convertindo a moitos centros galegos en sedes partidistas, o que provocou en definitiva o seu descrédito a seren considerados centros meramente folclóricos ou gastronómicos, sen menosprecio de ambas cousas. Por iso é tan urxente dignificar a emigración, revitalizar os centros establecendo un plano de actuación e programación para a adecuación ás novas realidades, con funcións informativas, culturais e de promoción e difusión de Galiza no mundo. Perdemos moito tempo, agora só hai que recuperalo e enchelos de propostas, de ideas e de recursos ben empregados para que sexan focos de galeguidade a nivel global, coa óptica da universalidade galega, da apertura ás sociedades e á coparticipación nas mesmas, como veñen facendo moitos emigrantes, xa que á marxe da consideración que dende un ponto de vista ética debamos ter sobre o direito ao voto, existe unha tendencia perversa a unificar aos emigrantes co voto conservador e nese xogo actúan os mesmos criterios que no interior do pais, incrementados pola desinformación e a manipulación, tendencia que debemos mudar coa sua participación e cunha relación de igualdade e de democracia participativa plena.Porque Galiza ten vocación internacional, sempre a tivo, pola sua historia, nos océanos e na terra, pola sua lingua e cultura. Galiza non ten ainda competencias en materia internacional, pero deberia ter a vontade para acadalas coa revisión do Estatuto de Galiza para poder ter relacións directas a nivel internacional.A Galiza Global parte das persoas e nela ten os seus fundamentos, e debe ser exercida conxuntamente a través de catro ferramentas, que van dende a diplomacia política, cultural, social á económica:Diplomacia cultural: A cultura é unha boa ferramenta para facer política exterior, probablemente a porta de entrada para os cambios, que pode ser promocionada e difundida en pe de igualdade con calquer outra cultura do mundo. Compre ademais de realizar unha profunda revitalización cultural dos Centros e organismos galegos no exterior, usar as canles para entrar directamente na cultura oficial dos paises onde residen galegas e galegos da Galiza Global.Diplomacia política e institucional: establecimento e consolidación da relación institucional con Gobernos dos paises nos que reside a emigración galega, como campo de actuación con novos gobernos dispostos a colaborar de forma bilateral nesas futuras relacións bilaterais como o caso de Uruguai, Brasil, Arxentina e Brasil, entre outros, como primeiras medidas de actuación de elaboración de planos de traballo conxuntos, que irían dende o establecemento de irmanamentos parlamentares, entre cidades e vilas á concreción de proxectos de todo tipo.Diplomacia económica: potenciación do comercio exterior dende un plano de traballo uniforme e non dende accións espalladas como se viu facendo ate o momento, relacionamento co turismo, coa industria, co mundo empresarial dun e doutro lado.Diplomacia social: exemplos como a participación do Goberno galego con carácter oficial no Foro Social Mundial, promoción da relacións entre asociacións e organizacións sociais galegas con outras do resto do mundo; apoio ás políticas de financiamento de proxectos de cooperación ao desenvolvimento, apoio humanitario das situacións de crise internacional, etc.Catro ferramentas e milleiros de vagalumes. A responsabilidade e de todos nós, membros da Galiza Global.

Estadisticas de visitas