31 março 2007

Meniñas

Duas meniñas falan. Unha é catalana, outra galega, ambas de 3 anos. Falan entre elas en francés na sua escola maternal de Bruxelas. A profesora, belga, pergúntalle ás nais, ben sorprendida, se sendo españolas, que non entende por qué non falan en español. Un exemplo de plurinacionalidade infantil.

Duas meniñas xogan no quartier de St. Josse. Unha é galega, de 5 anos, outra marroquina de 8. Cantan, rin, toulean. A marroquina dille á galega: qué sorte, ti non vas ter que usar velo, a min xa me di meu pai que dentro de pouco vou ter que poñelo, que a nosa relixión di que é obligatorio. A galega dille, en Marin, onde é a miña nai, só o usan as aboas vellas moi vellas e ti es moi nova, e non vas estar guapa. Un exemplo de futuros diferentes.

Asisto estupefacta á conversa, conversa que se pode estar dando en moitos parques europeos, en moitas escolas, porque a infancia ten unha adaptación enorme que logo choca cos costumes sociais e relixiosos traidos non nas maletas senon nas cabezas, que moitas veces forman parte do acervo cultural, pero outras van cargadas de impedimentos para que as mulleres, poidan tomar suas propias decisións. Non podo evitar que me veña ao pensamento a campaña que iniciou en 2003 o movimento “Ni putes ni soumises” en Francia.

Meniñas que viven en Europa, con linguas e culturas diferentes, con futuros tamén moi distintos senon se aplica outro tipo de politica.

25 março 2007

Nómadas

Ao querido transeunte A. L.


No andel, unha bola do mundo, para non esquencer a humilde relatividade das residencias alternativas. Un atlas colgado na parede onde se marcan lugares visitados, que teñen cara de pobreza, de infancia, de ansiedade cultural, de política e migracións.

Mulleres e homes transterrados, desprazados, transnacionalizados, exiliados, asilados, migras, borders, transeúntes, nómadas, transfronteirizos, a consecuencia de guerras, conflictos armados, desastres e catátrofes naturais ou alteración do medio ambiente provocado, necesidade económica, pobreza, maltrato, falla de libertades, violacións dos dereitos humanos…. Douscentos millóns. Máis da metade mulleres. Os migrantes son os sufridores das fronteiras, cicatrices da terra, a cara humana da liberalización económica como afirma Eduardo Galeano.

O fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado asi o denuncia na exposición Migration.

Non deixo de pensar cada dia neste feito que muda a faciana do mundo, por convicción, por observación do entorno e tamén porque a emigración galega formou e forma parte ainda da historia das migracións internacionais.

21 março 2007

“Nunca se sabe en qué lingua fala Bruxelas”

Xavier Queipo, querido veciño do Matongué, foi elexido xunto con outros oito escritores para participar na iniciativa WIT -branco, en lingua flamenca-, situando o seu poema “As leis do caos: fluxo e mutabilidade” no patio do edificio do Concello de Bruxelas. O poema pudo lerse alí ata o 17 de marzo no seu orixinal en galego e con traducións ao flamengo, inglés e francés. Todos os poemas presentáronse o día 2 de marzo nun recital no Museo de Belle-vue no que os propios escritores leron as súas obras. A obra de Queipo está feita para a ocasión e dedicada ao físico belga Ilya Prigogine, Premio Nobel de Física que investigou as leis do caos.

Hai un par de meses, para presentar este acto e fundar o Collectivo Poético de Bruxelas, a Librería internacional Passaporta acolleu a poetas da cidade de Bruxelas. Co obxectivo de integrar a actualidade urbana na poesia, foron escollidos 8 autores da vila entre 400, para configurar un proxecto colectivo. Formáronse duos poéticos. O escritor de orixe italiana Rossano Rossi, falou da sua orixe como parte das múltiples diásporas desta cidade, afirmando este feito como un fenómeno desta vila. Con él unha muller de orixe rumana e bretona, que residiu durante anos no Congo, Juliette Aderca, quen leu un poema coa contundencia e escenificación das vellas estrelas de cine dos anos trinta, aferrada á sua perda de inspiración durante vinte anos, que agora afirma, voltou.

O segundo, formado por José Ovejero e o galego Xavier Queipo, quen falou que despois do seu exilio económico en Bruxelas, chegou á exteriorización da escritura. “Empecei a escribir aquí”. Este expert des poissons, polifacético, de formación biólogo e médico e funcionario actualmente na Comisión Europea, escrebe en galego en Bruxelas, porque é a lingua dos seus soños e pensamentos. Escolleu o poema “As leis do caos: fluxo e mutabilidade”, porque Bruxelas é a cidade do caos, desestructurada dende o punto de vista cultural, pero intensamente culta e con cultura viva. O madrileño José Ovejero leu un poema que falaba das viaxes por Europa, un encontro no tren casual entre viaxeiros de Europa Central a Hendaia, un amor breve, “me dolió que no le doliera el olvido”, e loubou que a poesia anónima de tantas nacionalidades pasara con esta iniciativa a ser colectiva.

E entre outros, un africano cun flamengo. Jae Mae Kân, natural de Jamaica, fillo de colonizados, residiu en Paris e Camerún, de inspiración literaria europea e afroamericana. O movimeto da negritude, creado en Francia nos anos 30, movimento surrealista xurdido contra o colonialismo, coa chegada de negros americanos a Paris no periodo de entreguerras, reivindicando o patrimonio cultural da oralidade africana. Mistura música, flauta, maracas, djembé, con poesia, para él poesia política “bastiller au nom de la liberté, de l´ègalité, de la fraternité pour des siécles et siécles, contre ceux qui devant nous confisquent l´horizon ». Geerte van Istendael. “Nunca se sabe en qué lingua vai falar Bruxelas”. Asombrado polos millares de persoas que nesta cidade, falan distintas, tomou este fenómeno ao escoller seu poema “Parle Bruxelles parle, tu a autant des bouches” para falar deste exemplo único, da Bruxelas cidade que aceita as lenguas, as dos Estados e as das nacións sen Estado, lenguas exiliadas, asiladas, namoradas, apagadas, lenguas nais, fillas, linguas libres”. Por eso Bruxelas cidade tamén fala galego na obra e neste recoñecemento internacional como poeta da cidade de Xabier Queipo. Xa podia a Unión Europea recoñecer o mesmo que o lugar que acolle suas institucións.

Fotos de Ce-Tomé

18 março 2007

Voltamos


Voltamos. Con forza. Os silencios non foron voluntarios, a carga de traballo puido mais que as ganas de comunicarse. Tamén a insumisión das mans e do ánimo. Empezan as primeiras tardes mornas na cidade. Hai que limpar a pequena terraza e aproveitar os raios da vida neste domingo de marzo na casa de duas galegas en Bruxelas, que ule a lentellas con chourizo e alfajores.

Estadisticas de visitas